mércores, 23 de xuño de 2021
Feliz noite de San Xoán e feliz verán!
Orgullosas e orgullosos dos amores e dos desexos diversos
O día 21 celebramos a diversidade do amor, do desexo con un recital de poesía a cargo de Fernán Permuy ( músico e cociñeiro) e Samuel Merino ( poeta, filósofo e actor).
Di a tamén poeta Lúa Mosquetera de Samuel Merino que "Lorca habita en Samuel y puede decir a través de la boca de Samuel, con los labios de Samuel pero con el aliento de Federico ( e a música de Fernán Permuy, engado eu): soy maricón y poeta. Federico y Samuel cogidos de la mano y besándose en un parque, rodeados de un montón de gente que no los mira, porque nadie mira ya a dos hombres que se aman, ya nadie juzga a dos poetas que se revolucionan, ya nadie puede revolver entre nuestras vísceras buscandi el resorte de la vergüenza.
Todo eso
es la poesía de Samuel.
Y es,
también,
la venganza de Federico."
Pois iso, nós tivemos a fortuna de celebrar o día do orgullo con Federico, con Samuel e con Fernán, que se colleron do brazo para pasear xuntos por un escenario e para abrirnos os ollos e a mente. Porque só a diversidade ( afectiva, sexual, lingüística...) nos fará mellores e máis grandes. Talvez isto tamén teña que aprenderse nos centros de estudo.
Os libros de Samu, Enésima patada con amor e Trementina, están na nosa biblioteca e nas fiestras e paisaxes do noso cole!
Moitas grazas, Fernán e Samu, por virdes ao noso cole ampliarnos as miradas!
"Aí ven o maio" para Xela
Abrironse maio e as rosas para ti, Xela Arias. Quixemos visibilizar a túa sensibilidade, a túa poesía e a túa infancia con unha exposición que nos prestou o colectivo Egeria de Lugo. Aquí queda unha mostra de "Aquela nena de Sarria" que aínda temos no primeiro andar estes días:
E trouxemos a Mónica de Nut para que nos cantase os seus versos e nos emocionase coa súa voz de ópera e de prata:
Escribía María do Carme Kruckenberg
Cando morre unha poeta
terán que calar os ventos
na condena da luz.
E debería de chorar o mar
e as gaivotas voar por riba das estrelas.
E non é así.…
E non así porque as poetas nunca morren. Sempre chegan en maio, coas rosas, envoltas en brancas saias e pétalos de prata. Sempre chegas irreverente, lúcida, independente, libre, Xela Arias. Sempre na denuncia do equilibrio quizais porque, nese lugar, empeza a poesía:
mércores, 16 de xuño de 2021
De ilustres ex alumnas que falan galego
Este curso volveu ao insti, de novo, Anabel Antela. Pero desta volta, en calidade de relatora xa que nos veu presentar o resultado do seu traballo de fin de grao: un libro que analiza a relación entre o sector téxtil e a lingua galega. O resultado do mesmo aparece no libro A lingua galega no sector téxtil ( Visión, opinión e posición da xeración millenial galega) publicado pola Mesa de normalización lingüística.
domingo, 16 de maio de 2021
Onde estaban as mulleres na Idade Media?
Estaban aí, pero non nolas mostraran.
O alumnado de 2º da ESO e a súa profe Yolanda del Campo fóronas buscar á Idade Media e trouxéronnos ata aquí a algunhas delas.
Algunhas son raíñas, ou fillas de raíñas europeas: Violante de Hungría, Xoana a Louca, Beatriz de Portugal, Isabel I de Castela, Berenguela de Castela...ou doutros continentes, como Wu Zetian.
A triste historia de Xona a Louca nárrase na película Juana la Loca. Pódela atopar na biblioteca. Algúns historiadores din dela que se vivise hoxe esta Xoana sería feminista. Sexa como sexa, a súa historia ben merece coñecerse un pouco. Sufriu o que padeceron moitas mulleres nesa época e noutras máis modernas: a calificación de tola. A atribución da loucura, en moitos casos, non era máis ca un xeito de dicir que esa muller se apartaba dos cánones establecidos coma normais no seu xénero. Aquí podes ler un artigo no que explica esa idea.
Outras eran "influencers" coma Leonor de Aquitania, ou xograresas e soldadeiras como María Balteira. O grupo galego "A Quenlla" adícalle á soldadeira esta canción:
Na biblioteca atoparedes un libro de Marica Campo que vos pode achegar a esta muller tan interesante da Idade Media: Confusión e morte de María Balteira. Ela é a protagonista do primeiro relato.
O meu pecado mortal. O voto feminino e máis eu.
Xa temos falado neste blog de Clara Campoamor, da súa loita e do seu libro que dá título a esta entrada.
Este curso recibimos a visita de Celia Pereira Porto, editora da primeira tradución ao galego do citado libro. A ensaista e avogada feminista veunos contar cousas sobre Clara Campoamor e o que supuxo a súa figura para todas as mulleres. Con sinxeleza e honestidade falounos do dereitos acadados na historia, das loitas das mulleres, dos conflitos agochados detrás daquel primeiro voto das mulleres, o 19 de novembro de 1933 durante a II República e do "gran pecado" de Clara Campoamor: o voto feminino.
Ademais do libro de Clara Campoamor que ela prologou, Celia Pereira deixounos tamén unha fermosa edición do libro O porco de pé. Celia é unha boa embaixadora da Fundación Vicente Risco, que preside. Moitas grazas polos agasallos que quedan na nosa biblioteca e polas túas palabras, que quedan nos e nosas adolescentes!
xoves, 22 de abril de 2021
Se cantan es ti que cantas, se choran es ti que choras.
Rosalía de Castro ( Santiago de Compostela, 1835 - Padrón, 1855), autora clave na literatura do século XIX, é unha das figuras máis representativas do Rexurdimento. Asemade, é considerada, xunto con Gustavo Adolfo Bécquer, a precursora da poesía española moderna.
Filla de nai solteira dunha familia fidalga e dun sacerdote, a súa infancia e adolescencia transcorreron entre Ortoño (Ames) -onde vivía coas tías paternas- e Padrón -xa de regreso coa súa nai-. Lugares que, posteriormente, aparecerán nos seus escritos e marcarán a súa visión do mundo. Un exemplo disto é o poema "Campanas de Bastabales", campás que Rosalía escoitaba dende a súa casa de Ortoño:
Campanas de Bastabales,
cando vos oio tocar,
mórrome de soidades.
Cantares Gallegos, 1863

Morreu na súa casa de Padrón aos 48 anos de idade, como consecuencia dun cancro de útero. As súas últimas palabras, dirixidas á súa filla Alejandra, foron "Abre ese ventá, que quero velo mar". A nós deixounos un mar de verbas para medrar, para degustar, para aprender, para chorar, para camiñar, para sentir... Grazas por ser a nosa Emily Dickinson!!
Na biblioteca podedes atopar o libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Esta é unha novela policíaca na que Rosalía e os lugares que habitou xogan un papel moi importante. Terás que lela para descubrilo.
Esta entrada foi elaborada con información extraída desta páxina e, sobre todo, destoutra.
Podedes ver un resumo gráfico da vida e obra de Rosalía de Castro no seguinte vídeo:
Tamén podedes percorrer as pegadas da autora seguindo as indicacións desta Ruta Rosaliana.
Nota: Algúns dos títulos sinalados enlazan ao texto completo a través da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. No caso de "Las Literatas", o texto está enlazado a través do Consello da Cultura Galega - Comisión de Igualdade.
Rosalía, queremos ser coma ti e rapear contigo!
martes, 20 de abril de 2021
Concepción Arenal, pioneira do feminismo
Concepción Arenal Ponte (Ferrol, 31 de xaneiro do 1820 - 4 de febreiro do 1893) foi escritora, pensadora, feminista e activista social.
Nacida no seo dunha familia ilustrada, a morte prematura do seu pai -como consecuencia da súa instancia no cárcere polos seus ideais liberais- deixarán unha fonda pegada nesta nena de nove anos. Andando o tempo, Concepción terá que sortear as dificultades que, na súa época, atoparon as mulleres que querían acceder aos estudos universitarios. Con determinación férrea, esta muller de ideas progresistas deciciu disfrazarse de home para poder acudir como oínte á Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid. Cando se descubriu a súa verdadeira identidade, o reito tomou cartas no asunto e, despoir de ter superado un exame de xeito satisfactorio, foi autorizada a asistir ás clases xa como muller. Amelia Valcárcel, no seu libro Feminismo en el mundo global, explica o tedioso protocolo que tiña que cumprir: "O rito era o seguinte: acompañada por un familiar dona Concepción presentábase na porta do claustro, onde era recollida por un bedel que a trasladaba a un cuarto no que permanecía soa ata que o profesor da matería que ía impartirse a recollía para as clases. Sentada nun lugar diferente do dos seus aparentes compañeiros, seguía as explicacións ata que a clase concluía e de novo era recollida polo profesor, que a depositaba no mencionado cuarto ata a seguinte clase".
Clara Campoamor e o seu pecado mortal
O 12 de febreiro de 1888 nacía en Madrid unha muller que ía cambiar as vidas de moitas do século que case tamén nacía con ela: o XX. Era Clara Campoamor, a avogada grazas á cal a mulleres puidemos votar.
Chega ao mundo no seo dunha familia moi humilde e, trala morte do seu pai, cando ela era aínda moi cativa, tivo que poñerse a traballar. Mais, sendo xa unha adulta, retomou os seus estudos e licenciouse en Dereito no 1924, cando tiña 36 anos. Converteuse así nunha avogada que defendería os dereitos dos máis desprotexidos, pero, sobre todo desprotexidas, pois na maior parte dos casos eran as mulleres as que padecían máis inxustizas.
Foi a primeira avogada que interviu ante o Tribunal Supremo e defendeu dous casos de divorcio: o de Concha Espina, casada con Ramón Gómez de la Serna, e o do matrimonio Josefina Blanco e Valle-Inclán.
Republicana convencida, pronto comeza a militar en política. Trala proclamación da II República, o 14 de abril do 1931, Clara Campoamor preséntase ás eleccións polo partido Partido Radical de Alejandro Lerroux. Entra no Congreso como deputada por Madrid e forma parte da Comisión de 21 deputados que elaboraron a Constitución republicana. Era a única muller nesa comisión. A partir dese intre comeza a súa loita polo voto feminino, o seu pecado mortal.
A información desta entrada está extraída desta páxina e deste documental, "Clara Campoamor, unha muller valente"
Clara Campoamor, queremos ser coma ti!
xoves, 15 de abril de 2021
"El cielo es muy azul"
Marga Gil Roësset, a nena bohemia que levaba capa
"Marga era de verdoso alabastro, con ojos hermosos y tristes, y pelo liso castaño... Llevaba el alma fuera, el cuerpo dentro."* Marga Gil Roësset nace en Madrid no 1908. Xa tivo que pelexar desde ben pequena porque naceu moi enferma, mais contra todo pronóstico, e grazas aos extremos coidados da súa nai, puido sobrevivir. Medrou nunha familia bohemia que valoraba moito a arte, con grandes inquietudes culturais. Vivían dunha maneira libre, educadas pola súa nai, e eran vestidas por esta dun xeito particular: con capas, carapuchiñas... A súa, foi unha familia de artistas e precursoras. Pronto ela e a súa irmá, Consuelo Gil Roësset, amosaron talento artístico: aínda sendo moi nenas, a irmá xa escribía xa contos que ela ilustraba dun xeito moi personal. Un deles é "O neno de ouro".
Pronto destacou tamén como escultora. Cando os pais viron que tiña un especial talento para esta arte, levárona ao obradoiro do mestre Victorio Macho, precursor da escultura contemporánea. Mais este pronto pecibiu que tiña un xeito moi particular e persoal de esculpir e non quixo modelar ese remuiño creativo co que traballaba Marga Gil. É , pois a súa unha formación autodidacta, mais pode incluirse dentro dun estilo modernista nunha liña simbolista.
"Adán e Eva", 1930
Foi a Marga escultora quen abraiou ao poeta Juan Ramón Jiménez e á súa dona, a tradutora Zenobia Camprubí. Esta encargoulle á artista un busto, que é, segundo algunhas opinións, unha das pezas con máis valor da súa produción escultórica.
Feliz noite de San Xoán e feliz verán!
É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo. E as meigas e as mouras...
-
Rosalía de Castro ( Santiago de Compostela, 1835 - Padrón, 1855), autora clave na literatura do século XIX, é unha das figuras máis repres...
-
É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo. E as meigas e as mouras...
-
"Marga era de verdoso alabastro, con ojos hermosos y tristes, y pelo liso castaño... Llevaba el alma fuera, el cuerpo dentro."* Ma...



















































