O 12 de febreiro de 1888 nacía en Madrid unha muller que ía cambiar as vidas de moitas do século que case tamén nacía con ela: o XX. Era Clara Campoamor, a avogada grazas á cal a mulleres puidemos votar.
Chega ao mundo no seo dunha familia moi humilde e, trala morte do seu pai, cando ela era aínda moi cativa, tivo que poñerse a traballar. Mais, sendo xa unha adulta, retomou os seus estudos e licenciouse en Dereito no 1924, cando tiña 36 anos. Converteuse así nunha avogada que defendería os dereitos dos máis desprotexidos, pero, sobre todo desprotexidas, pois na maior parte dos casos eran as mulleres as que padecían máis inxustizas.
Republicana convencida, pronto comeza a militar en política. Trala proclamación da II República, o 14 de abril do 1931, Clara Campoamor preséntase ás eleccións polo partido Partido Radical de Alejandro Lerroux. Entra no Congreso como deputada por Madrid e forma parte da Comisión de 21 deputados que elaboraron a Constitución republicana. Era a única muller nesa comisión. A partir dese intre comeza a súa loita polo voto feminino, o seu pecado mortal.
O día 1 de outubro prodúcese nas Cortes un intenso debate sobre se as mulleres podían ou non votar. Clara Campoamor fixo unha defensa do dereito ao voto das mulleres. Por outra parte, Victoria Kent, do Partido Radical Socialista, defendeu o non, xa que consideraba que estas votarían á dereita aconselladas polos seus maridos ou pola Igrexa.
Clara Campoamor, Victoria Kent e Margarita Nelken
Finalmente, as Cortes aprobaron o sufraxio femenino con 161 votos a favor e 121 en contra. Así, no 1933 as mulleres poden votar por primeira vez e, tal como vaticinaba Victoria Kent, venceu a dereita.
Muller votando por primeira vez en España
Imaxe extraída de aquí, onde atoparás un interesante artigo sobre o voto da muller en España.
Clara Campoamor abandonará o Partido Radical e, malia que intentou afiliarse á esquerda republicana, o partido rechazou a súa adhesión. Tamén lle negaron a entrada no Frente Popular como representante da Unión republicana feminina que ela mesma fundara en 1931. Ante a imposibilidade de entrar no Parlamento para loitar porque as mulleres tivesen os mesmos dereitos ca os homes, adicouse a escribir. El derecho de la mujer y El voto femenino y yo. Mi pecado mortal son dúas das súas obras máis salientables. Esta última foi traducida ao galego e publicada pola editorial Galaxia. A obra está na biblioteca.
Fotograma da película Clara Campoamor. La mujer olvidada.
Despois da Guerra Civil, Clara Campoamor exiliase en Suiza, onde é acollida por Antoinette Quinche, avogada especializada nos dereitos das mulleres. Despois marcharía a Bos Aires. No seu exilio seguiu publicando ensaios sobre política e literatura. Ademais, traduciu a Victor Hugo e a Èmile Zola. Tamén deu conferencias e deu a coñecer a outra muller valente que tamén loitou polos dereitos das mulleres, Concepción Arenal ( tamén quereremos ser coma ela!).
No 1955 voltará a Suiza, onde traballará como avogada. Morrerá nes país no ano 1972, con 84 anos, lonxe do seu país, ese no que grazas á súa loita, as mulleres tamén poderían votar nas primeiras eleccións da democracia. Os seus restos mortais voltaron a España e hoxe descansa no cemeterio de Polloi, Donosti, lugar no que ela se atopaba cando se publicou a II República.
Ilustración extraída do libro Mujeres, de Isabel Ruiz Ruiz
A directora de cine Laura Mañá recolleu a fazaña desta avogada na películaClara Campoamor. La mujer olvidada. Aquí queda un tráiler da mesma. Na biblioteca podes atopar o filme.
(A peli está na biblioteca, no andel de Igualdade)
Sentimos desmentir a Laura Mañas, pero, para nós, Clara Campoamor non é unha muller esquecida.
A información desta entrada está extraída desta páxina e deste documental, "Clara Campoamor, unha muller valente"
E, para rematar, bailamos contigo, Clara Campoamor. Xa dicía Emma Goldman que "se non podo bailar, non quero estar nesta revolución". Pois iso, bailemos coas dúas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario