Concepción Arenal Ponte (Ferrol, 31 de xaneiro do 1820 - 4 de febreiro do 1893) foi escritora, pensadora, feminista e activista social.
Nacida no seo dunha familia ilustrada, a morte prematura do seu pai -como consecuencia da súa instancia no cárcere polos seus ideais liberais- deixarán unha fonda pegada nesta nena de nove anos. Andando o tempo, Concepción terá que sortear as dificultades que, na súa época, atoparon as mulleres que querían acceder aos estudos universitarios. Con determinación férrea, esta muller de ideas progresistas deciciu disfrazarse de home para poder acudir como oínte á Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid. Cando se descubriu a súa verdadeira identidade, o reito tomou cartas no asunto e, despoir de ter superado un exame de xeito satisfactorio, foi autorizada a asistir ás clases xa como muller. Amelia Valcárcel, no seu libro Feminismo en el mundo global, explica o tedioso protocolo que tiña que cumprir: "O rito era o seguinte: acompañada por un familiar dona Concepción presentábase na porta do claustro, onde era recollida por un bedel que a trasladaba a un cuarto no que permanecía soa ata que o profesor da matería que ía impartirse a recollía para as clases. Sentada nun lugar diferente do dos seus aparentes compañeiros, seguía as explicacións ata que a clase concluía e de novo era recollida polo profesor, que a depositaba no mencionado cuarto ata a seguinte clase".
No 1847 casou con Fernando García Carrasco, abogado e escritor, co que estableceu un matrimonio igualitario. Ámbolos dous participaron en tertulias políticas e literarias e colaboraron no xornal La Iberia. Nestes primeiros anos de matrimonio, Arenal escribe diferentes composicións poéticas: tres obras de teatro -Un poeta, La medalla de oro e Dolor y misterio-, unha zarzuela -Los hijos de Pelayo-, unha novela que non se conservou -Historia de un corazón- e as súas Fábulas en verso (1851).
Tras enviuvar no 1857, empeza unha etapa marcada polas fondas preocupacións sociais e humanitarias de Concepción Arenal. Así, xorden da súa man obras como o ensaio La Beneficencia, la Filantropía y la Caridad(1860), onde reflexiona sobre a intervención do Estado en favor dos desvalidos; ou o Manual del visitador del pobre (1863), que nace da observación da escasa preparación que as mulleres tiñan no momento de socorrer a pobres e enfermos.
No 1864 foi nomeada visitadora xeral xeral de prisións de mulleres. A película Concepción Arenal, la visitadora de cárceles (2012) amósanos a situación das presas nesta época e a labor desenvolvida por Arenal. Froito desta experiencia, escribiu Cartas a los delincuentes (1865), onde aborda cuestións tan delicadas como a necesidade de reformar o Código Penal. A publicación desta obra provocou o seu cese inmediato. Con todo, seguiu coa súa intensa actividade filantrópica e, no 1870, fundou La Voz de la Caridad, periódico que durante os seus catorce anos de existencia foi plataforma para denunciar os abusos e inmoralidades que se daban nos hospicios e nas cárceres da época.
Por outra banda, Concepción Arenal é unha das pioneiras do feminismo en España. Das súas obras sobre a condición feminina destacan La mujer del porvenir(1869) e La mujer de su casa (1883), e os artigos La educación de la mujer (1892) e Estado actual de la mujer en España (1895). Nestas obras a autora reivindica a capacidade intelectual da muller e o seu dereito a recibir unha educación que lle permita desenvolver calquera profesión en condicións de igualdade ás do home.
( Podes atopar o libro na biblioteca, no andel de Igualdade)
Nos últimos anos da súa vida, ainda que a un ritmo máis moderado, seguiu coa súa produción literaria e colaborando con diferentes periódicos da época - Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, La España Moderna, La Nueva Ciencia Jurídica, Las Dominicales del Libre Pensamiento, La Ilustración Española y Americana.... Morreu en Vigo no 1893 deixándonos un legado feminista, social, humanista e filosófico que merece ser valorado.
Na biblioteca podedes atopar, ademais do libro citado arriba, a obra de Marilar Aleixandre, As malas mulleres. A novela, ambientada a finais do século XIX, narra como se cruzan as vidas de Sisca, unha moza presa, a de Concepción Arenal, visitadora de prisións e a de Juana de Vega, amiga da primeira e tamén activista liberal con moita conciencia social. Aquí podes ler unha interesante crítica da obra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario