Se cantan es ti que cantas, se choran es ti que choras.
Rosalía de Castro ( Santiago de Compostela, 1835 - Padrón, 1855), autora clave na literatura do século XIX, é unha das figuras máis representativas do Rexurdimento. Asemade, é considerada, xunto con Gustavo Adolfo Bécquer, a precursora da poesía española moderna.
Filla de nai solteira dunha familia fidalga e dun sacerdote, a súa infancia e adolescencia transcorreron entre Ortoño (Ames) -onde vivía coas tías paternas- e Padrón -xa de regreso coa súa nai-. Lugares que, posteriormente, aparecerán nos seus escritos e marcarán a súa visión do mundo. Un exemplo disto é o poema "Campanas de Bastabales", campás que Rosalía escoitaba dende a súa casa de Ortoño:
O seu primeiro libro de poemas, La flor, publicouse no 1857 en Madrid. A obra suscitará unha eloxiosa reseña por parte de Manuel Murguía, con quen Rosalía contraerá matrimonio ao ano seguinte. No 1959 escribe a súa primeira novela, La hija del mar. Desta obra, merece a pena subliñar o reivindicativo prólogo da autora, no que fai unha defensa férrea dos dereitos da muller á vida intelectual.
Xa nunha etapa máis madura, publica A mi madre (1863), un poemario cargado de dor pola morte da súa nai. E tamén nese mesmo ano publica a que será considerada a súa primeira gran obra e peza angular la literatura galega: Cantares Gallegos. Con este texto, escrito íntegramente en galego, deu comezo o Rexurdimento, axiña respaldado por outros escritores como Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Asemade, o Día das Letras Galegas celébrase tódolos 17 de maio como homenaxe á data coa que Rosalía pechou o prólogo desta obra -prólogo, por certo, adicado a Fernán Caballero-. Nestes "cantares" Rosalía de Castro pon en valor a vida campesina galega e a beleza da súa terra.
Despois de Cantares Gallegos, Rosalía publicou outros textos, como "El Cadiceño" (1866), "Ruinas" (1866) ou "El caballero de las botas azules" (1867), ata chegar a outra das súas grandes obras: Follas Novas (1880). Neste libro, a autora tece un texto moi social que denuncia a inxustiza, a miseria, as condicións dos emigrantes e o sufrimento da muller galega; pero tamén amosa unha mirada moi existencial, con moitas referencias á angustia e á morte. Un dos textos máis senlleiros desta obra é o poema "Negra sombra". No seguinte vídeo podedes ver a versión que del fan Luz Casal e Carlos Núñez:
Pechan a súa produción literaria a novela El primer loco (1881) e o poemarioEn las orillas del Sar (1885), este último nunha liña semellante á que xa vimos en Follas Novas, ainda que cun marcado sentemento de perda. No seguinte vídeo podedes ver a Aitana Sánchez Gijón recitando un dos poemas do libro: "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros":
Ademais dun referente literario, Rosalía de Castro tamén foi unha feminista pioneira. Ao longo da súa obra a autora denunciou inxustizas como o clasismo ou a exclusión, principalmente as padecidas polas mulleres. Tamén nos deixou os manifestos "Lieders" (1858) e "Las literatas. Carta a Eduarda" (1866). Nestes textos a autora constrúe un canto á igualdade da muller, á independencia e á liberdade.
Morreu na súa casa de Padrón aos 48 anos de idade, como consecuencia dun cancro de útero. As súas últimas palabras, dirixidas á súa filla Alejandra, foron "Abre ese ventá, que quero velo mar". A nós deixounos un mar de verbas para medrar, para degustar, para aprender, para chorar, para camiñar, para sentir... Grazas por ser a nosa Emily Dickinson!!
Na biblioteca podedes atopar o libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Esta é unha novela policíaca na que Rosalía e os lugares que habitou xogan un papel moi importante. Terás que lela para descubrilo.
Esta entrada foi elaborada con información extraída desta páxina e, sobre todo, destoutra.
Podedes ver un resumo gráfico da vida e obra de Rosalía de Castro no seguinte vídeo:
Tamén podedes percorrer as pegadas da autora seguindo as indicacións desta Ruta Rosaliana.
Nota: Algúns dos títulos sinalados enlazan ao texto completo a través da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. No caso de "Las Literatas", o texto está enlazado a través do Consello da Cultura Galega - Comisión de Igualdade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario