É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.
E as meigas e as mouras prepáranse para facer tamén ese cambio e fanse aínda mis presentes ca de costume. Nesta noite cómpre facer certos ritos purificadores para comezar o novo ano solar con folgos renovados.
Un deles é o que se fai arredor do lume: temos que queimar os malos espíritos nunha fogueira e saltar sobre a mesma tres veces.
Outro rito desta noite máxica é preparar o cacho de herbas de San Xoán, recollidas nas noites anteriores, e metelas nun caldeiro de auga collida de sete fontes distintas.
Hai que deixalas toda a noite ó aire libre, á luz da lúa e ao frío do orballo. A estas herbas atribúeselles moito poder e vigor pola forza do solsticio e polo orballo desa noite
Nas primeiras horas do día seguinte temos que lavar a cara coa auga e así quedamos protexidas contra o mal de ollo.
Lembrade que no noso insti podes atopar as herbas de San Xoán que prantaron hai anos xa, os alumnos e alumnas que hoxe están en 1º de BACH que, coma elas, tamén medraron. Acompañábaos, nese xesto xeneroso de prantalas, a profe Dores Pereira. Hoxe, deixámosvos aquí este fermoso traballo que fixeron Dores e a súa filla, Paula Lago: Herbas da noite.
Herbas da noite é un herbario que recolle, con texto de Dores e con debuxos de Paula, o mundo vexetal da noite de San Xoán, patrimonio do pobo a partir do cal as dúas elaboraron ese fermoso tesouro no que describen as propiedades, características e beneficios das máxicas herbas.
Aloumiñadas polo orballo e o luar durmirán na noite para librarnos dos males cando nos toquen a cara. E que a música tamén nos toque a alma, mentras tanto.
Feliz solsticio de verán e felices lecturas!
Ningún comentario:
Publicar un comentario