Este curso volveu ao insti, de novo, Anabel Antela. Pero desta volta, en calidade de relatora xa que nos veu presentar o resultado do seu traballo de fin de grao: un libro que analiza a relación entre o sector téxtil e a lingua galega. O resultado do mesmo aparece no libro A lingua galega no sector téxtil ( Visión, opinión e posición da xeración millenial galega) publicado pola Mesa de normalización lingüística.
O libro xa fora presentado en Ponteareas con anterioridade, mais nós quixemos que ela viñera explicar á súa casa como desenvolveu a tarefa de estudar como aparece o galego nas grandes marcas textís de Galiza e como as e os consumidoras/ es temos o poder de transformar a realidade, tamén a lingüística.
E explicóunolo moi ben, con moita enerxia, paixón e claridade ( non sei se podedes intuilo na foto).
Anabel amosounos o seu amor e preocupación pola nosa lingua e, aínda, que vimos que o galego non está moi presente no sector téxtil de Galiza, ela non perde a esperanza de que poidamos "vestirnos" na nosa lingua propia. Se ela non a perde, que é a experta, non imos nós ser menos!
Longa vida ao galego, e ás mulleres valentes ( e bravas!) que o levan nos beizos!
Grazas por vir, Anabel! Neste instituto sempre serás ben recibida, ti e o teu traballo. Estamos moi, moi orgullosas de ti!
Ningún comentario:
Publicar un comentario