mércores, 23 de xuño de 2021

Orgullosas e orgullosos dos amores e dos desexos diversos

 O día 21 celebramos a diversidade do amor, do desexo con un recital de poesía a cargo de Fernán Permuy ( músico e cociñeiro) e Samuel Merino ( poeta, filósofo e actor). 

Di a tamén poeta Lúa Mosquetera de Samuel Merino que "Lorca habita en Samuel y puede decir a través de la boca de Samuel, con los labios de Samuel pero con el aliento de Federico ( e a música de Fernán Permuy, engado eu): soy maricón y poeta. Federico y Samuel cogidos de la mano y besándose en un parque, rodeados de un montón de gente que no los mira, porque nadie mira ya a dos hombres que se aman, ya nadie juzga a dos poetas que se revolucionan, ya nadie puede revolver entre nuestras vísceras buscandi el resorte de la vergüenza.

Todo eso

es la poesía de Samuel.

Y es,

también,

la venganza de Federico."

Pois iso, nós tivemos a fortuna de celebrar o día do orgullo con Federico, con Samuel e con Fernán, que se colleron do brazo para pasear xuntos por un escenario e para abrirnos os ollos e a mente. Porque só a diversidade ( afectiva, sexual, lingüística...) nos fará mellores e máis grandes. Talvez isto tamén teña que aprenderse nos centros de estudo. 


Os libros de Samu, Enésima patada con amor e Trementina, están na nosa biblioteca e nas  fiestras e paisaxes do noso cole!


Moitas grazas, Fernán e Samu, por virdes ao noso cole ampliarnos as miradas!


"Aí ven o maio" para Xela

Abrironse maio e as rosas para ti, Xela Arias. Quixemos visibilizar a túa sensibilidade, a túa poesía e a túa infancia con unha exposición que nos prestou o colectivo Egeria de Lugo. Aquí queda unha mostra de "Aquela nena de Sarria" que aínda temos no primeiro andar estes días:







Tamén quixemos poñerlle voz a algún dos seus textos e gravamos varios vídeos a partir do seu Darío a diario:


(Aquel neno, Darío, hoxe lémbraa a ela e á súa tarta de mazá.) 



E trouxemos a Mónica de Nut para que nos cantase os seus versos e nos emocionase coa súa voz de ópera e de prata:


Escribía María do Carme Kruckenberg 

Cando morre unha poeta

 terán que calar os ventos 

na condena da luz. 

E debería de chorar o mar

 e as gaivotas voar por riba das estrelas. 

E non é así.…


E non así porque as poetas nunca morren. Sempre chegan en maio, coas rosas, envoltas en brancas saias e pétalos de prata. Sempre chegas irreverente, lúcida, independente, libre, Xela Arias. Sempre na denuncia do equilibrio quizais porque, nese lugar, empeza a poesía:





mércores, 16 de xuño de 2021

De ilustres ex alumnas que falan galego

  Este curso volveu ao insti, de novo, Anabel Antela. Pero desta volta, en calidade de relatora xa que nos veu presentar o resultado do seu traballo de fin de grao: un libro que analiza a relación entre o sector téxtil e a lingua galega. O resultado do mesmo aparece no libro A lingua galega no sector téxtil ( Visión, opinión e posición da xeración millenial galega) publicado pola Mesa de normalización lingüística.


O libro xa fora presentado en Ponteareas con anterioridade, mais nós quixemos que ela viñera explicar á súa casa como desenvolveu  a tarefa de estudar como aparece o galego nas grandes marcas textís de Galiza e como as e os consumidoras/ es temos o poder de transformar a realidade, tamén a lingüística. 
E explicóunolo moi ben, con moita enerxia, paixón e claridade ( non sei se podedes intuilo na foto). 


Anabel amosounos o seu amor e preocupación pola nosa lingua e, aínda, que vimos que o galego non está moi presente no sector téxtil de Galiza, ela non perde a esperanza de que poidamos "vestirnos" na nosa lingua propia. Se ela non a perde, que é a experta, non imos nós ser menos! 

Longa vida ao galego, e ás mulleres valentes ( e bravas!) que o levan nos beizos!

Grazas por vir, Anabel! Neste instituto sempre serás ben recibida, ti e o teu traballo.  Estamos moi, moi orgullosas de ti! 



domingo, 16 de maio de 2021

Onde estaban as mulleres na Idade Media?

 Estaban aí, pero non nolas mostraran. 

O alumnado de 2º da ESO e a súa profe Yolanda del Campo  fóronas buscar á Idade Media e trouxéronnos ata aquí a algunhas delas. 


Algunhas son raíñas, ou fillas de raíñas europeas: Violante de Hungría, Xoana a Louca, Beatriz de Portugal, Isabel I de Castela, Berenguela de Castela...ou doutros continentes, como Wu Zetian. 



A triste historia de Xona  a Louca nárrase na película Juana la Loca. Pódela atopar na biblioteca. Algúns historiadores din dela que se vivise hoxe esta Xoana sería feminista. Sexa como sexa, a súa historia ben merece coñecerse un pouco. Sufriu o que padeceron moitas mulleres nesa época e noutras máis modernas: a calificación de tola. A atribución da loucura, en moitos casos, non era máis ca un xeito de dicir que esa muller se apartaba dos cánones establecidos coma normais no seu xénero. Aquí podes ler un artigo no que explica esa idea. 

Outras eran "influencers" coma Leonor de Aquitania, ou xograresas e soldadeiras como María Balteira. O grupo galego "A Quenlla" adícalle á soldadeira esta canción:

Na biblioteca atoparedes un libro de Marica Campo que vos pode achegar a esta muller tan interesante da Idade Media: Confusión e morte de María Balteira. Ela é a protagonista do primeiro relato. 


O meu pecado mortal. O voto feminino e máis eu.

 Xa temos falado neste blog de Clara Campoamor, da súa loita e do seu  libro que dá título a esta entrada. 

Este curso recibimos a visita de Celia Pereira Porto, editora da primeira tradución ao galego do citado libro. A ensaista e avogada feminista veunos contar cousas sobre Clara Campoamor e o que supuxo a súa figura para todas as mulleres. Con sinxeleza e honestidade falounos do dereitos acadados na historia, das loitas das mulleres, dos conflitos agochados detrás daquel primeiro voto das mulleres, o 19 de novembro de 1933 durante a II República e do "gran pecado" de Clara Campoamor: o voto feminino. 

Ademais do libro de Clara Campoamor que ela prologou, Celia Pereira deixounos tamén unha fermosa edición do libro O porco de pé. Celia é unha boa embaixadora da Fundación Vicente Risco, que preside. Moitas grazas polos agasallos que quedan na nosa biblioteca e polas túas palabras, que quedan nos e nosas adolescentes!


 Celia moitas grazas pola túa visita e polas túas palabras combativas!

xoves, 22 de abril de 2021

Se cantan es ti que cantas, se choran es ti que choras.

 



Rosalía de Castro ( Santiago de Compostela, 1835 - Padrón, 1855), autora clave na literatura do século XIX, é unha das figuras máis representativas do Rexurdimento. Asemade, é considerada, xunto con Gustavo Adolfo Bécquer, a precursora da poesía española moderna. 

Filla de nai solteira dunha familia fidalga e dun sacerdote, a súa infancia e adolescencia transcorreron entre Ortoño (Ames) -onde vivía coas tías paternas- e Padrón -xa de regreso coa súa nai-. Lugares que, posteriormente, aparecerán nos seus escritos e marcarán a súa visión do mundo. Un exemplo disto é o poema "Campanas de Bastabales", campás que Rosalía escoitaba dende a súa casa de Ortoño:

Campanas de Bastabales,

cando vos oio tocar,

mórrome de soidades.

                                            Cantares Gallegos, 1863


Igrexa de San Xulián de Bastavales (Brión)
(Imaxe extraída desta páxina)

O seu primeiro libro de poemas, La flor, publicouse no 1857 en Madrid. A obra suscitará unha eloxiosa reseña por parte de Manuel Murguía, con quen Rosalía contraerá matrimonio ao ano seguinte. No 1959 escribe a súa primeira novela, La hija del mar. Desta obra, merece a pena subliñar o reivindicativo prólogo da autora, no que fai unha defensa férrea dos dereitos da muller á vida intelectual.

Xa nunha etapa máis madura, publica A mi madre (1863), un poemario cargado de dor pola morte da súa nai. E tamén nese mesmo ano publica a que será considerada a súa primeira gran obra e peza angular la literatura galega: Cantares Gallegos. Con este texto, escrito íntegramente en galego, deu comezo o Rexurdimento, axiña respaldado por outros escritores como Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Asemade, o Día das Letras Galegas celébrase tódolos 17 de maio como homenaxe á data coa que Rosalía pechou o prólogo desta obra -prólogo, por certo, adicado a Fernán Caballero-. Nestes "cantares" Rosalía de Castro pon en valor a vida campesina galega e a beleza da súa terra. 

(Imaxe extraída desta páxina)


Despois de Cantares Gallegos, Rosalía publicou outros textos, como "El Cadiceño" (1866), "Ruinas" (1866) ou "El caballero de las botas azules" (1867), ata chegar a outra das súas grandes obras: Follas Novas (1880). Neste libro, a autora tece un texto moi social que denuncia a inxustiza, a miseria, as condicións dos emigrantes e o sufrimento da muller galega; pero tamén amosa unha mirada moi existencial, con moitas referencias á angustia e á morte. Un dos textos máis senlleiros desta obra é o poema "Negra sombra". No seguinte vídeo podedes ver a versión que del fan Luz Casal e Carlos Núñez:


Pechan a súa produción literaria a novela El primer loco (1881) e o poemario En las orillas del Sar (1885), este último nunha liña semellante á que xa vimos en Follas Novas, ainda que cun marcado sentemento de perda. No seguinte vídeo podedes ver a Aitana Sánchez Gijón recitando un dos poemas do libro: "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros":



Ademais dun referente literario, Rosalía de Castro tamén foi unha feminista pioneira. Ao longo da súa obra a autora denunciou inxustizas como o clasismo ou a exclusión, principalmente as padecidas polas mulleres. Tamén nos deixou os manifestos "Lieders" (1858) e "Las literatas. Carta a Eduarda" (1866). Nestes textos a autora constrúe un canto á igualdade da muller, á independencia e á liberdade.

(Imaxe extraída desta páxina).


Portada do libro de Helena González

Morreu na súa casa de Padrón aos 48 anos de idade, como consecuencia dun cancro de útero. As súas últimas palabras, dirixidas á súa filla Alejandra, foron "Abre ese ventá, que quero velo mar". A nós deixounos un mar de verbas para medrar, para degustar, para aprender, para chorar, para camiñar, para sentir... Grazas por ser a nosa Emily Dickinson!!

Na biblioteca podedes atopar o libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Esta é unha novela policíaca na que Rosalía e os lugares que habitou xogan un papel moi importante. Terás que lela para descubrilo.

Esta entrada foi elaborada con información extraída desta páxina e, sobre todo, destoutra.

Podedes ver un resumo gráfico da vida e obra de Rosalía de Castro no seguinte vídeo:


Tamén podedes percorrer as pegadas da autora seguindo as indicacións desta Ruta Rosaliana.

Nota: Algúns dos títulos sinalados enlazan ao texto completo a través da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. No caso de "Las Literatas", o texto está enlazado a través do Consello da Cultura Galega - Comisión de Igualdade.

Rosalía, queremos ser coma ti e rapear contigo!




martes, 20 de abril de 2021

Concepción Arenal, pioneira do feminismo


Concepción Arenal Ponte (Ferrol, 31 de xaneiro do 1820 - 4 de febreiro do 1893) foi escritora, pensadora, feminista e activista social. 




Nacida no seo dunha familia ilustrada, a morte prematura do seu pai -como consecuencia da súa instancia no cárcere polos seus ideais liberais- deixarán unha fonda pegada nesta nena de nove anos. Andando o tempo, Concepción terá que sortear as dificultades que, na súa época, atoparon as mulleres que querían acceder aos estudos universitarios. Con determinación férrea, esta muller de ideas progresistas deciciu disfrazarse de home para poder acudir como oínte á Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid. Cando se descubriu a súa verdadeira identidade, o reito tomou cartas no asunto e, despoir de ter superado un exame de xeito satisfactorio, foi autorizada a asistir ás clases xa como muller. Amelia Valcárcel, no seu libro Feminismo en el mundo global, explica o tedioso protocolo que tiña que cumprir: "O rito era o seguinte: acompañada por un familiar dona Concepción presentábase na porta do claustro, onde era recollida por un bedel que a trasladaba a un cuarto no que permanecía soa ata que o profesor da matería que ía impartirse a recollía para as clases. Sentada nun lugar diferente do dos seus aparentes compañeiros, seguía as explicacións ata que a clase concluía e de novo era recollida polo profesor, que a depositaba no mencionado cuarto ata a seguinte clase". 


(Imaxe tomada de Ediciones Cátedra Feminismos) 

No 1847 casou con Fernando García Carrasco, abogado e escritor, co que estableceu un matrimonio igualitario. Ámbolos dous participaron en tertulias políticas e literarias e colaboraron no xornal La Iberia. Nestes primeiros anos de matrimonio, Arenal escribe diferentes composicións poéticas: tres obras de teatro -Un poeta, La medalla de oro e Dolor y misterio-, unha zarzuela -Los hijos de Pelayo-, unha novela que non se conservou -Historia de un corazón- e as súas Fábulas en verso (1851).

Tras enviuvar no 1857, empeza unha etapa marcada polas fondas preocupacións sociais e humanitarias de Concepción Arenal. Así, xorden da súa man obras como o ensaio La Beneficencia, la Filantropía y la Caridad (1860), onde reflexiona sobre a intervención do Estado en favor dos desvalidos; ou o Manual del visitador del pobre (1863), que nace da observación da escasa preparación que as mulleres tiñan no momento de socorrer a pobres e enfermos.

No 1864 foi nomeada visitadora xeral xeral de prisións de mulleres. A película Concepción Arenal, la visitadora de cárceles (2012) amósanos a situación das presas nesta época e a labor desenvolvida por Arenal. Froito desta experiencia, escribiu Cartas a los delincuentes (1865), onde aborda cuestións tan delicadas como a necesidade de reformar o Código Penal. A publicación desta obra provocou o seu cese inmediato. Con todo, seguiu coa súa intensa actividade filantrópica e, no 1870, fundou La Voz de la Caridad, periódico que durante os seus catorce anos de existencia foi plataforma para denunciar os abusos e inmoralidades que se daban nos hospicios e nas cárceres da época.


Imaxe tomada desta páxina.

Por outra banda, Concepción Arenal é unha das pioneiras do feminismo en España. Das súas obras sobre a condición feminina destacan  La mujer del porvenir (1869)  e  La mujer de su casa (1883), e os artigos La educación de la mujer (1892) e Estado actual de la mujer en España (1895). Nestas obras a autora reivindica a capacidade intelectual da muller e o seu dereito a recibir unha educación que lle permita desenvolver calquera profesión en condicións de igualdade ás do home.


(Imaxe tomada da editorial Nørdicalibros)
( Podes atopar o libro na biblioteca, no andel de Igualdade)

Nos últimos anos da súa vida, ainda que a un ritmo máis moderado, seguiu coa súa produción literaria e colaborando con diferentes periódicos da época - Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, La España Moderna, La Nueva Ciencia Jurídica, Las Dominicales del Libre Pensamiento, La Ilustración Española y Americana.... Morreu en Vigo no 1893 deixándonos un legado feminista, social, humanista e filosófico que merece ser valorado.


Na biblioteca podedes atopar, ademais do libro citado arriba, a obra de Marilar Aleixandre, As malas mulleres. A novela, ambientada a finais do século XIX, narra como se cruzan as vidas de Sisca, unha moza presa, a de Concepción Arenal, visitadora de prisións e a de Juana de Vega, amiga da primeira e tamén activista liberal con moita conciencia social. Aquí podes ler unha interesante crítica da obra.


Esta entrada foi elaborada con información extraída desta páxina e destoutra. 

Podedes ver un resumo moi sinxelo da súa vida no seguinte vídeo:


E aquí queda un tráiler da película Concepcional Arenal, la visitadora de cárceles, da directora Laura Mañá. 



Concepción Arenal, queremos ser coma ti!


Feliz noite de San Xoán e feliz verán!

É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.  E as meigas e as mouras...