domingo, 16 de maio de 2021

Onde estaban as mulleres na Idade Media?

 Estaban aí, pero non nolas mostraran. 

O alumnado de 2º da ESO e a súa profe Yolanda del Campo  fóronas buscar á Idade Media e trouxéronnos ata aquí a algunhas delas. 


Algunhas son raíñas, ou fillas de raíñas europeas: Violante de Hungría, Xoana a Louca, Beatriz de Portugal, Isabel I de Castela, Berenguela de Castela...ou doutros continentes, como Wu Zetian. 



A triste historia de Xona  a Louca nárrase na película Juana la Loca. Pódela atopar na biblioteca. Algúns historiadores din dela que se vivise hoxe esta Xoana sería feminista. Sexa como sexa, a súa historia ben merece coñecerse un pouco. Sufriu o que padeceron moitas mulleres nesa época e noutras máis modernas: a calificación de tola. A atribución da loucura, en moitos casos, non era máis ca un xeito de dicir que esa muller se apartaba dos cánones establecidos coma normais no seu xénero. Aquí podes ler un artigo no que explica esa idea. 

Outras eran "influencers" coma Leonor de Aquitania, ou xograresas e soldadeiras como María Balteira. O grupo galego "A Quenlla" adícalle á soldadeira esta canción:

Na biblioteca atoparedes un libro de Marica Campo que vos pode achegar a esta muller tan interesante da Idade Media: Confusión e morte de María Balteira. Ela é a protagonista do primeiro relato. 


O meu pecado mortal. O voto feminino e máis eu.

 Xa temos falado neste blog de Clara Campoamor, da súa loita e do seu  libro que dá título a esta entrada. 

Este curso recibimos a visita de Celia Pereira Porto, editora da primeira tradución ao galego do citado libro. A ensaista e avogada feminista veunos contar cousas sobre Clara Campoamor e o que supuxo a súa figura para todas as mulleres. Con sinxeleza e honestidade falounos do dereitos acadados na historia, das loitas das mulleres, dos conflitos agochados detrás daquel primeiro voto das mulleres, o 19 de novembro de 1933 durante a II República e do "gran pecado" de Clara Campoamor: o voto feminino. 

Ademais do libro de Clara Campoamor que ela prologou, Celia Pereira deixounos tamén unha fermosa edición do libro O porco de pé. Celia é unha boa embaixadora da Fundación Vicente Risco, que preside. Moitas grazas polos agasallos que quedan na nosa biblioteca e polas túas palabras, que quedan nos e nosas adolescentes!


 Celia moitas grazas pola túa visita e polas túas palabras combativas!

xoves, 22 de abril de 2021

Se cantan es ti que cantas, se choran es ti que choras.

 



Rosalía de Castro ( Santiago de Compostela, 1835 - Padrón, 1855), autora clave na literatura do século XIX, é unha das figuras máis representativas do Rexurdimento. Asemade, é considerada, xunto con Gustavo Adolfo Bécquer, a precursora da poesía española moderna. 

Filla de nai solteira dunha familia fidalga e dun sacerdote, a súa infancia e adolescencia transcorreron entre Ortoño (Ames) -onde vivía coas tías paternas- e Padrón -xa de regreso coa súa nai-. Lugares que, posteriormente, aparecerán nos seus escritos e marcarán a súa visión do mundo. Un exemplo disto é o poema "Campanas de Bastabales", campás que Rosalía escoitaba dende a súa casa de Ortoño:

Campanas de Bastabales,

cando vos oio tocar,

mórrome de soidades.

                                            Cantares Gallegos, 1863


Igrexa de San Xulián de Bastavales (Brión)
(Imaxe extraída desta páxina)

O seu primeiro libro de poemas, La flor, publicouse no 1857 en Madrid. A obra suscitará unha eloxiosa reseña por parte de Manuel Murguía, con quen Rosalía contraerá matrimonio ao ano seguinte. No 1959 escribe a súa primeira novela, La hija del mar. Desta obra, merece a pena subliñar o reivindicativo prólogo da autora, no que fai unha defensa férrea dos dereitos da muller á vida intelectual.

Xa nunha etapa máis madura, publica A mi madre (1863), un poemario cargado de dor pola morte da súa nai. E tamén nese mesmo ano publica a que será considerada a súa primeira gran obra e peza angular la literatura galega: Cantares Gallegos. Con este texto, escrito íntegramente en galego, deu comezo o Rexurdimento, axiña respaldado por outros escritores como Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Asemade, o Día das Letras Galegas celébrase tódolos 17 de maio como homenaxe á data coa que Rosalía pechou o prólogo desta obra -prólogo, por certo, adicado a Fernán Caballero-. Nestes "cantares" Rosalía de Castro pon en valor a vida campesina galega e a beleza da súa terra. 

(Imaxe extraída desta páxina)


Despois de Cantares Gallegos, Rosalía publicou outros textos, como "El Cadiceño" (1866), "Ruinas" (1866) ou "El caballero de las botas azules" (1867), ata chegar a outra das súas grandes obras: Follas Novas (1880). Neste libro, a autora tece un texto moi social que denuncia a inxustiza, a miseria, as condicións dos emigrantes e o sufrimento da muller galega; pero tamén amosa unha mirada moi existencial, con moitas referencias á angustia e á morte. Un dos textos máis senlleiros desta obra é o poema "Negra sombra". No seguinte vídeo podedes ver a versión que del fan Luz Casal e Carlos Núñez:


Pechan a súa produción literaria a novela El primer loco (1881) e o poemario En las orillas del Sar (1885), este último nunha liña semellante á que xa vimos en Follas Novas, ainda que cun marcado sentemento de perda. No seguinte vídeo podedes ver a Aitana Sánchez Gijón recitando un dos poemas do libro: "Dicen que no hablan las plantas, ni las fuentes, ni los pájaros":



Ademais dun referente literario, Rosalía de Castro tamén foi unha feminista pioneira. Ao longo da súa obra a autora denunciou inxustizas como o clasismo ou a exclusión, principalmente as padecidas polas mulleres. Tamén nos deixou os manifestos "Lieders" (1858) e "Las literatas. Carta a Eduarda" (1866). Nestes textos a autora constrúe un canto á igualdade da muller, á independencia e á liberdade.

(Imaxe extraída desta páxina).


Portada do libro de Helena González

Morreu na súa casa de Padrón aos 48 anos de idade, como consecuencia dun cancro de útero. As súas últimas palabras, dirixidas á súa filla Alejandra, foron "Abre ese ventá, que quero velo mar". A nós deixounos un mar de verbas para medrar, para degustar, para aprender, para chorar, para camiñar, para sentir... Grazas por ser a nosa Emily Dickinson!!

Na biblioteca podedes atopar o libro A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Esta é unha novela policíaca na que Rosalía e os lugares que habitou xogan un papel moi importante. Terás que lela para descubrilo.

Esta entrada foi elaborada con información extraída desta páxina e, sobre todo, destoutra.

Podedes ver un resumo gráfico da vida e obra de Rosalía de Castro no seguinte vídeo:


Tamén podedes percorrer as pegadas da autora seguindo as indicacións desta Ruta Rosaliana.

Nota: Algúns dos títulos sinalados enlazan ao texto completo a través da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. No caso de "Las Literatas", o texto está enlazado a través do Consello da Cultura Galega - Comisión de Igualdade.

Rosalía, queremos ser coma ti e rapear contigo!




martes, 20 de abril de 2021

Concepción Arenal, pioneira do feminismo


Concepción Arenal Ponte (Ferrol, 31 de xaneiro do 1820 - 4 de febreiro do 1893) foi escritora, pensadora, feminista e activista social. 




Nacida no seo dunha familia ilustrada, a morte prematura do seu pai -como consecuencia da súa instancia no cárcere polos seus ideais liberais- deixarán unha fonda pegada nesta nena de nove anos. Andando o tempo, Concepción terá que sortear as dificultades que, na súa época, atoparon as mulleres que querían acceder aos estudos universitarios. Con determinación férrea, esta muller de ideas progresistas deciciu disfrazarse de home para poder acudir como oínte á Facultade de Dereito da Universidade Central de Madrid. Cando se descubriu a súa verdadeira identidade, o reito tomou cartas no asunto e, despoir de ter superado un exame de xeito satisfactorio, foi autorizada a asistir ás clases xa como muller. Amelia Valcárcel, no seu libro Feminismo en el mundo global, explica o tedioso protocolo que tiña que cumprir: "O rito era o seguinte: acompañada por un familiar dona Concepción presentábase na porta do claustro, onde era recollida por un bedel que a trasladaba a un cuarto no que permanecía soa ata que o profesor da matería que ía impartirse a recollía para as clases. Sentada nun lugar diferente do dos seus aparentes compañeiros, seguía as explicacións ata que a clase concluía e de novo era recollida polo profesor, que a depositaba no mencionado cuarto ata a seguinte clase". 


(Imaxe tomada de Ediciones Cátedra Feminismos) 

No 1847 casou con Fernando García Carrasco, abogado e escritor, co que estableceu un matrimonio igualitario. Ámbolos dous participaron en tertulias políticas e literarias e colaboraron no xornal La Iberia. Nestes primeiros anos de matrimonio, Arenal escribe diferentes composicións poéticas: tres obras de teatro -Un poeta, La medalla de oro e Dolor y misterio-, unha zarzuela -Los hijos de Pelayo-, unha novela que non se conservou -Historia de un corazón- e as súas Fábulas en verso (1851).

Tras enviuvar no 1857, empeza unha etapa marcada polas fondas preocupacións sociais e humanitarias de Concepción Arenal. Así, xorden da súa man obras como o ensaio La Beneficencia, la Filantropía y la Caridad (1860), onde reflexiona sobre a intervención do Estado en favor dos desvalidos; ou o Manual del visitador del pobre (1863), que nace da observación da escasa preparación que as mulleres tiñan no momento de socorrer a pobres e enfermos.

No 1864 foi nomeada visitadora xeral xeral de prisións de mulleres. A película Concepción Arenal, la visitadora de cárceles (2012) amósanos a situación das presas nesta época e a labor desenvolvida por Arenal. Froito desta experiencia, escribiu Cartas a los delincuentes (1865), onde aborda cuestións tan delicadas como a necesidade de reformar o Código Penal. A publicación desta obra provocou o seu cese inmediato. Con todo, seguiu coa súa intensa actividade filantrópica e, no 1870, fundou La Voz de la Caridad, periódico que durante os seus catorce anos de existencia foi plataforma para denunciar os abusos e inmoralidades que se daban nos hospicios e nas cárceres da época.


Imaxe tomada desta páxina.

Por outra banda, Concepción Arenal é unha das pioneiras do feminismo en España. Das súas obras sobre a condición feminina destacan  La mujer del porvenir (1869)  e  La mujer de su casa (1883), e os artigos La educación de la mujer (1892) e Estado actual de la mujer en España (1895). Nestas obras a autora reivindica a capacidade intelectual da muller e o seu dereito a recibir unha educación que lle permita desenvolver calquera profesión en condicións de igualdade ás do home.


(Imaxe tomada da editorial Nørdicalibros)
( Podes atopar o libro na biblioteca, no andel de Igualdade)

Nos últimos anos da súa vida, ainda que a un ritmo máis moderado, seguiu coa súa produción literaria e colaborando con diferentes periódicos da época - Boletín de la Institución Libre de Enseñanza, La España Moderna, La Nueva Ciencia Jurídica, Las Dominicales del Libre Pensamiento, La Ilustración Española y Americana.... Morreu en Vigo no 1893 deixándonos un legado feminista, social, humanista e filosófico que merece ser valorado.


Na biblioteca podedes atopar, ademais do libro citado arriba, a obra de Marilar Aleixandre, As malas mulleres. A novela, ambientada a finais do século XIX, narra como se cruzan as vidas de Sisca, unha moza presa, a de Concepción Arenal, visitadora de prisións e a de Juana de Vega, amiga da primeira e tamén activista liberal con moita conciencia social. Aquí podes ler unha interesante crítica da obra.


Esta entrada foi elaborada con información extraída desta páxina e destoutra. 

Podedes ver un resumo moi sinxelo da súa vida no seguinte vídeo:


E aquí queda un tráiler da película Concepcional Arenal, la visitadora de cárceles, da directora Laura Mañá. 



Concepción Arenal, queremos ser coma ti!


Clara Campoamor e o seu pecado mortal

 O 12 de febreiro de 1888 nacía en Madrid unha muller que ía cambiar as vidas de moitas  do século que case tamén nacía  con ela: o XX. Era  Clara Campoamor, a avogada grazas á cal a mulleres puidemos votar. 

Chega ao mundo no seo dunha familia moi humilde e, trala morte do seu pai, cando ela era aínda moi cativa,  tivo que poñerse a traballar. Mais, sendo xa unha adulta, retomou os seus estudos e licenciouse en  Dereito no 1924, cando tiña 36 anos. Converteuse así nunha avogada que defendería os dereitos dos máis desprotexidos, pero, sobre todo desprotexidas, pois na maior parte dos casos eran as mulleres as que padecían máis inxustizas. 



Foi a primeira avogada que interviu ante o Tribunal Supremo e defendeu dous casos de divorcio: o de Concha Espina, casada con Ramón Gómez de la Serna, e o do matrimonio Josefina Blanco e Valle-Inclán. 

Republicana convencida, pronto comeza a militar en política. Trala proclamación da II República, o 14 de abril do 1931, Clara Campoamor preséntase ás eleccións polo partido Partido Radical de Alejandro Lerroux. Entra no Congreso como deputada por Madrid e forma parte da Comisión de 21 deputados que elaboraron a Constitución republicana. Era a única muller nesa comisión. A partir dese intre comeza a súa loita polo voto feminino, o seu pecado mortal. 


(Fragmento de El ministerio del tiempo no que se explica quen era
Clara Campoamor) 

O día 1 de outubro prodúcese nas Cortes un intenso debate sobre se as mulleres podían ou non votar. Clara Campoamor fixo unha defensa do dereito ao voto das mulleres. Por outra parte, Victoria Kent, do Partido Radical Socialista, defendeu o non, xa que consideraba que estas votarían á dereita aconselladas polos seus maridos ou pola Igrexa. 


Clara Campoamor, Victoria Kent e Margarita Nelken

Finalmente, as Cortes aprobaron o sufraxio femenino con 161 votos a favor e 121 en contra. Así, no 1933 as mulleres poden votar por primeira vez e, tal como vaticinaba Victoria Kent, venceu a dereita.


Muller votando por primeira vez en España 
Imaxe extraída de aquí, onde atoparás un interesante artigo sobre o voto da muller en España.

 Clara Campoamor non é elixida polo pobo, si o será Margarita Nelken, tres mulleres do PSOE: Veneranda García Blanco ( podes atopar información sobre ela neste interesante blog no que se rinde homenaxe ás mestras republicanas),  María Lejárraja  e Matilde de la Torre  e unha da CEDA, Francisca Bohigas. 


Clara Campoamor abandonará o Partido Radical e, malia que intentou afiliarse á esquerda republicana, o partido rechazou a súa adhesión. Tamén lle negaron a entrada no Frente Popular como representante da Unión republicana feminina que ela mesma fundara en 1931. Ante a imposibilidade de entrar no Parlamento para loitar porque as mulleres tivesen os mesmos dereitos ca os homes, adicouse a escribir. El derecho de la mujer y El voto femenino y yo. Mi pecado mortal son dúas das súas obras máis salientables. Esta última foi traducida ao galego e publicada pola editorial Galaxia. A obra está na biblioteca. 


Fotograma da película Clara Campoamor. La mujer olvidada. 

Despois da Guerra Civil, Clara Campoamor exiliase en Suiza, onde  é acollida por Antoinette Quinche, avogada especializada nos dereitos das mulleres. Despois marcharía a Bos Aires. No seu exilio seguiu publicando ensaios sobre política e literatura. Ademais, traduciu a Victor Hugo e a Èmile Zola. Tamén deu conferencias e deu a coñecer a outra muller valente que tamén loitou polos dereitos das mulleres, Concepción Arenal ( tamén quereremos ser coma ela!). 
No 1955 voltará a Suiza, onde traballará como avogada. Morrerá nes país  no ano 1972, con 84 anos, lonxe do seu país, ese no que grazas á súa loita, as mulleres tamén poderían votar nas primeiras eleccións da democracia. Os seus restos mortais voltaron a España e hoxe descansa no cemeterio de Polloi, Donosti, lugar no que ela se atopaba cando se publicou a II República. 


Ilustración extraída do libro Mujeres, de Isabel Ruiz Ruiz

A directora de cine Laura Mañá recolleu a fazaña desta avogada na película Clara Campoamor. La mujer olvidada.  Aquí queda un tráiler da mesma. Na biblioteca podes atopar o filme. 
 

(A peli está na biblioteca, no andel de Igualdade)

Sentimos desmentir a Laura Mañas, pero, para nós, Clara Campoamor  non é unha muller esquecida. 


A información desta entrada está  extraída desta páxina e deste documental, "Clara Campoamor, unha muller valente"



E, para rematar, bailamos contigo, Clara Campoamor. Xa dicía Emma Goldman que "se non podo bailar, non quero estar nesta revolución". Pois iso, bailemos coas dúas. 


Clara Campoamor, queremos ser coma ti!


xoves, 15 de abril de 2021

"El cielo es muy azul"

Benjamín Prado descríbenos así a Marga Gil Roësset:

Es una tarde de verano. Tú hablas
de que las noches son extrañas en las islas.
Yo pienso de repente
- no sé por qué- en la casa de Marga Gil: la torre
cerca de la autopista y el desorden salvaje
del antiguo jardín abandonado.

Empiezo
a contarte esta historia,
la manera en que aún sigue dentro de mí
y tú dices:
- Como alguien que anda junto a un río y tiene
sobre su piel la sombra de los árboles.

(Imaxe extraída de aquí) 

Estamos en el año
1932 y Marga
se enamora de Juan Ramón Jiménez.
Es una chica oscura.
Hay un túnel que une
su corazón y el ruido de los bosques.
Un día entra en la casa.
Un día escribe
ya nada me separa de ti,
salvo la muerte.
Luego, todo se termina.
Casi podemos verlo: 28 de julio;
el cielo es muy azul;
puede que unas palomas se escapen del jardín
al oírse el disparo.

Ahora los dos estamos en silencio.
Tú miras
a la playa,
la marea,
el sol rojo lo mismo que una fuente
en donde un asesino se ha lavado las manos.
Yo pienso en Marga Gil.
Pienso en su miedo
de esa forma en que a veces
ves a un hombre que huele una rosa, imaginas
cómo esa rosa crece hacia dentro de ese hombre,
lo invade poco a poco con su aroma
dulce y enfermo.

Mucho tiempo después
yo entro cada mañana en esa casa,
bajo al desván,
me muevo por los cuartos vacíos,
subo a la torre que veré más tarde,
desde un hotel de Nueva York,
un día de lluvia en Buenos Aires,
un verano
en el puerto de Barcelona.

El mundo
es un lugar muy frío.
En el fondo del agua se oye cavar las tumbas.
Hay terrazas sin sueño donde el viento devora
lentamente
los restos de la noche.

Tú y yo lo comprendemos.
Es un viento que viene del mar, un viento frío
que llena el corazón de pequeños arpones
y de niños ahogados.
Es un viento que dice:
- No se puede salir de una casa vacía.
Todo lo que ha ocurrido alguna vez
ocurre para siempre. 



Marga Gil Roësset, a nena bohemia que levaba capa


"Marga era de verdoso alabastro, con ojos hermosos y tristes, y pelo liso castaño... Llevaba el alma fuera, el cuerpo dentro."* Marga Gil Roësset nace en Madrid no 1908. Xa tivo que pelexar desde ben pequena porque naceu moi enferma, mais contra todo pronóstico, e grazas aos extremos coidados da súa nai, puido sobrevivir.  Medrou nunha familia bohemia que valoraba moito a arte, con grandes inquietudes culturais. Vivían dunha maneira libre, educadas pola súa nai, e eran vestidas por esta dun xeito particular: con capas, carapuchiñas... A súa, foi unha familia de artistas e precursoras. Pronto ela e a súa irmá, Consuelo Gil Roësset,  amosaron talento artístico: aínda sendo moi nenas, a irmá xa escribía xa contos que ela ilustraba dun xeito moi personal. Un deles é   "O neno de ouro". 


Pronto destacou tamén como escultora. Cando os pais viron que tiña un especial talento para esta arte, levárona ao obradoiro do mestre Victorio Macho, precursor da escultura contemporánea. Mais este pronto pecibiu que tiña un xeito moi particular e persoal de esculpir e non quixo modelar ese remuiño creativo co que traballaba Marga Gil. É , pois a súa unha formación autodidacta, mais  pode incluirse dentro dun estilo modernista nunha liña simbolista. 

"Yo intento siempre operar sobre mis esculturas de dentro afuera. Es decir, trato de esculpir más las ideas que las personas. Mis trabajos, en cuanto a la forma, podrán no ser muy clásicos, pero, por lo menos, llevan el esfuerzo de querer manifestar su interior", dicía a artista sobre as súas esculturas. 

 


"Adán e Eva", 1930

Foi a Marga escultora quen abraiou ao poeta Juan Ramón Jiménez e á súa dona, a tradutora Zenobia Camprubí. Esta encargoulle á artista un busto, que é, segundo algunhas opinións, unha das pezas con máis valor da súa produción escultórica. 



Tras este encontro co matrimonio, Marga namórase profundamente de Juan Ramón Jiménez. O poeta, felizmente casado, non pode corresponder ao seu amor. Este feito conduce a Marga Gil a unha dor profunda que remata co seu suicidio o 28 de xullo de 1932. Deixou un diario de 68 páxinas que custodiou Juan Ramón Jiménez a través do cal nos podemos achegar aos últimos días da súa vida.  A pesar de que destruiu ( como tamén fixera Camille Claudel antes de ingresar no hospital psiquiátrico) boa parte da súa obra antes de suicidarse, quédannos moitas ilustracións que evidencian o seu talento e unha  mirada persoal ( demasiado profunda- e dolorosa- para unha persoa tan nova)  que amosa que foi quen de crear un mundo artístico propio. 


"O neno de ouro", 1921

"O can de veludo" ( 1932) Ilustración de Marga Gil
para "Cancións de nenos" , de 
Consuelo Gil Rossët

Talvez os seus debuxo poidan lembrache un pouco ás ilustracións de O principiño, de Saint Exupèry.



 Pois ben, a pintora e escritora Ana Serrano Velasco ( experta na obra de Marga Gil) afirma que unha das tres ilustracións que aparecen no libro Cancións de nenos, serviu de modelo a algúns dos debuxos da obra de Saint- Exupèry que todos e todas coñecemos. 

A Marga Gil interesoulle a arte en todas as súas formas, para expresar con ela, ou nela, o seu mundo interior tan rico e tan intenso. Aquí vémola nunha representación teatral: 



Nesta páxina podes atopar máis imaxes das súas obras e información interesante sobre a artista e a  paixón coa que viviu e coa que morreu. 

"Si pensaste al morir que ibas a ser bien recordada, no te equivocaste, Marga. Acaso te recordaremos pocos, pero nuestro recuerdo te será fiel y firme. No te olvidaremos, no te olvidaré nunca. Que hayas encontrado bajo tierra el descanso y el sueño, el gusto que no has encontrado sobre la tierra. Descansa en paz, la paz que no supimos darte,  Marga bien querida. " 

Juan Ramón Jiménez, Españoles de tres mundos

Nós tampouco te esquecemos, Marga Gil Roësset. A túa forza creativa atravesou os anos e chegou ata nós, aquí e agora. Queremos ser coma ti e esculpir a vida. 





* Así describe Juan Ramón Jiménez a Marga Gil. 

A información está extraída de aquí e destoutra páxina. Tamén se botou man deste documental sobre a súa vida e obra para elaborar esta entrada: 



“

Feliz noite de San Xoán e feliz verán!

É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.  E as meigas e as mouras...