venres, 9 de abril de 2021

Maruja Mallo, a pintora libertaria

Ana María Gómez González,  Maruja Mallo, naceu en Viveiro, Lugo, o 5 de xaneiro 1902 e morreu o 6 de febreiro en Madrid, no 1995. Este é o Viveiro que viu nacer a esta artista irreverente, que fixo da liberdade a súa bandeira vital e artística:

Foi unha das pintoras máis significativas do surrealismo español ( a Frida Khalo galega), aínda que nós non o saberiamos ata fai ben pouco. Foi unha desas artistas doblemente silenciadas: por ser muller e por ser republicana exiliada. Formou parte do grupo de mulleres artistas do 27, as Sinsombreiro, cuxo nome tamén llo debemos a ela. Así nos conta, na radio,  como foi ese bautismo. 

                                      
 ( A imaxe está extraída de aquí


Tanto a súa vida como a súa obra foron vangarda. Coma a Frida mexicana, ela tamén vivíu libre, como quixo e por riba das convencións da época. Desde ben rapaza demostrou xa un amor profundo pola pintura (feito que a levaría a estudar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid) e pola liberdade ( abandonou a Academia polo encorsetado plan de estudos da mesma). Iso si, sairía de alí con un grande amigo, Salvador Dalí, para quen a pintora era " metade anxo, metade marisco" ( hai un documental moi interesante, dirixido por Antón Reixa, sobre ela  que leva este mesmo título). Xa en Madrid, xunto con Concha Méndez, María Zambrano ( de quen falamos aquí)  e Rosa Chacel, entre outras atreveuse a saír á rúa sen o sombreiro e todas elas formaron parte da vida cultural da cidade. Nos libros só aparecían Federico García Lorca, o xa citado Salvador Dalí, Luis Buñuel, Pedro Salinas, Rafael Alberti... pero elas tamén estaban alí formando parte desa amplísima xeración de artistas que sería coñecida co nome de Xeración do 27. Mantivo unha relación sentimental, moi libre, e mantendo sempre a súa autonomía persoal e artística, con Rafael Alberti, Miguel Hernández e Pablo Neruda
No 1932 marcha a París e alí xa se introduce de cheo no Surrealismo espertando a admiración de Paul Eluard e André Breton, que se fixo co seu cadro "Espantallo":




Cando estoupa a Guerra Civil, Maruja Mallo marcha a Bos Aires, onde obtivo recoñecemento e sona. Alternou as estadías na capital arxentina con Nova Iorque, onde coñeceu a Andy Warhol, con quen mantivo amizade. 


"Acróbatas, macro e microcosmos", 1981

Voltou do exilio no 1962 e seguiu pintando nunha España da que xa non quedaba nada do que deixara. De feito, cando marchara para o exilio ela estaba traballando nunha das Misións pedagóxicas da República. Aquel mundo, os seus amigos e amigas, a vida brillante e de cor que ela capturou en moitas das súas obras, xa non existía. 

Aquí podes ver moitos dos seus cadros.  E nestoutra páxina atoporás a análise dos que están no Museo Reina Sofía. 

Maruja Mallo, queremos ser coma ti: libres e vivas!









A información desta entrada está extraída de aquí. E deste pequeno documental que recolle os sucesos máis salientables da súa vida e da súa obra:





Acaba de chegar  á biblioteca A pintora libertaria, de Pepe Carballude. Polas páxinas desta novela pasea, con elegancia e orixinalidade, por suposto, a pintora Maruja Mallo. 



Maruja Mallo, queremos ser coma ti!

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Feliz noite de San Xoán e feliz verán!

É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.  E as meigas e as mouras...