mércores, 7 de abril de 2021

Lolita Díaz Baliño , a ilustradora esquecida

 Lolita Díaz Baliño naceu na Coruña no 1905, no seo dunha familia de artistas. O seu irmán Camilo  (que será o pai de Isaac Díaz Pardo) introduciuna no mundo da ilustración. Comeza a súa andaina como ilustradora nas portadas das revistas "Mañana" e "Céltiga". Tamén realiza carteis publicitarios para festas populares, anuncios de sociedades recreativas e celebracións oficiais. No 1926 participa nunha exposición colectiva de maneira que a súa obra aparece coa de Sotomayor, Castelao e Corredoyra. Ademais, tamén ilustra a cuberta do libro Cántigas e verbas ao ar, de Xulio Sigüenza.  



Como vemos no debuxo anterior, achegouse aos movementos rexionalistas, máis coa influencia do modernismo, o Art Déco e de artistas coma o británico  Aubrey Beardsley, o nortemaericano Will Bradley e o lucense Manuel Bujados, vai desenvolvendo un estilo propio que, a dicir da comisaria Rosario Sarmiento, comisaria da exposición Lolita Díaz Baliño. A realidade soñada (da que falaremos máis adiante), " a súa obra reflicte unha modernidade que quedará eliminada coa Guerra Civil e o franquismo. No seu momento tivo moito impacto e recoñecemento, pero foi expulsada da historia, como moitas outras mulleres artistas." Explica tamén a comisaria que  nas súas primeiras obras  aparecen figuras estilizadas e elegantes, de trazos sintéticos e alongados, que acabaron sendo característicos do seu estilo. As protagonistas dos seus debuxos e cartaces son, mois a miúdo, mulleres, representando case sempre figuras fortes e decididas.



No ano 1929, a Diputación de A Coruña concédelle unha bolsa para que curse estudos na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, en Madrid. Explica a xa citada Rosario Sarmiento que Lolita Díaz Baliño rechaza esta oportunidade xa que o seu irmán Camilo non quixo deixala marchar a Madrid ela soa. Ela tiña 24 anos e lembra esa negativa do seu irmán con profunda amargura. 
Como lle acontecería a moitos artistas, a Guerra Civil cambiaría a súa vida. No seu caso, tivo que vivir o asasinato do seu irmán, Camilo Díaz Baliño. Para poder subsistir, abriu un estudo na rúa Porta de Aires para dar clase e deixou de lado a súa faceta artística. Alí estudaría o seu sobriño Isaac Díaz Pardo. Ademais, comezou a traballar como docente na Escola de Artes e Oficios. Será mestra dunha xeración de artistas que triunfará nas décadas dos 60 e dos 70 : María Antonia Dans, Elena Gago e Gloria de Llano. 





Morreu no ano 1963, aos 58 anos. Segundo Rosario Sarmiento, " o seu legado foi importantísimo" quen lamenta que fose unha ilustradora esquecida. Hoxe, visibilizamos a súa vida e a súa obra, para non esquecela e dicímoslle:  "Queremos ser coma ti, Lolita Díaz Baliño!" 












Toda a información está extraída de aquí e de estoutra páxina
Pódese ver, na Fundación Luis Seoane, na Coruña, ata o 19 de setembro, unha exposición sobre a ilustradora: "A realidade soñada". Hai un documental co mesmo nome que recolle a  traxectoria da Lolita Díaz  artista.


Aquí deixamos unha ilustración de Nuria Figueiredo, ceramista e ilustradora ourensá, que recolle a imaxe que esta artista ten da súa predecesora Lolita Díaz Baliño:








Ningún comentario:

Publicar un comentario

Feliz noite de San Xoán e feliz verán!

É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.  E as meigas e as mouras...