domingo, 29 de novembro de 2020

Ámame ben

 Os libros tamén saíron da biblioteca defender un amor respectuoso, un amor que non afogue, que non sexa arame na pel das mulleres, que non rompa vaixelas, nin vidas. 






 “A vaixela da avoa”

Era verán. Chegou á casa tarde, cando Iago e Maia xa estaban deitados. Sacounos da cama para que mirasen con el a televisión. Estaban no sofá e nun recanto da sala no que sempre pasaba o ferro. Non estaba participando na súa conversa e iso incomodiuno.Lembro que, coma sempre, estabamos enfadados por algo. Preguntoume non sei que e eu non dei a resposta correcta. A que el tiña na cabeza. Erro! Non facía falla máis. Armouse a liorta. Eu estaba na segunda etapa, na de ti a min non me vas achantar, e díxenllo en voz alta:

_ A min non me fales así que non me asustas.

Foi á cociña, colleu un coitelo e púxomo na gorxa:

_ Seguro?

_ Nin con iso.

Pero calei.

Tirou o coitelo e marchou.

Foi algo puntual pero non pasei o terror doutras veces. Simplemente, sorprendeume porque nunca me ameazara con un coitelo, el era máis de romper cousas.

A miña avoa deixárame en herdanza unha vaixela que mercara prato a prato. Cando eu era cativa, ía con ela pola peza nova. Adoraba esa vaixela, tíñalle moito apego, era como collerlle de novo a mana á avoa camiño da tenda. El sabíao e rompeuna toda. Quedárome catro pratos e a sopeira.

Mais levaba media vaixela e eu aínda non falaba de maltrato.

O texto é de Montse Fajardo e está extraído de Invisibles






Na peli da túa vida necesitas amor, non golpes


 Ao longo da semana pasada e desta que vén, estamos desenvolvendo, nas titorías,  un ciclo de cine contra a violencia de xénero. 

A curtametraxe "As cores do frío" abre o ciclo . Esta foi realizada na Escola de Imaxe e Son de Vigo no 2005. A película pode verse aquí

As outras películas que forman parte do ciclo son as que aparecen a continuación:

Antigua vida mía. Película baseada na novela homónima de Marcela Serrano. Está dirixida polo arxentino Héctor Oliveira en 2002. Nesta cóntase a historia de Violeta e Josefa que coñecemos, sobre todo, través dos diarios da primeira e das lembranzas da segunda .


- Buda explotó por venganza. Película iraniana dirixida por Hana Makbmalbaf en 2007 que narra a historia de Baktay, unha nena afgá de seis anos, é incitada a ir á escola polo fillo dos seus veciños que le os alfabetos que hai fronte á súa cova. De camiño á escola, é acosada por uns nenos que xogan de forma cruel, reflectindo a violenta sociedade que os envolve.

- El color púrpura. Película dirixida por Steven Spilberg ( EEUU) en 1985 e baseada na novela homónima de Alice Walker. Esta contou a historia de Celia, unha adolescente negra que, a principios do século XX, descobre que está embarazada do seu propio pai, un home despótico e cruel. A partir de entón a súa vida estará chea de dor e humillacións.


- Custodia compartida. Película francesa de Xavier Legrand del 2017. Nesta cóntase a historia de Myriam e Antoine Besson, que acaban de divorciarse. Ela solicita a custodia exclusiva do seu fillo Julien, para protexelo dun pai acusado de violencia de xénero . A xuíza sentenza a favor da custodia compartida. 

- Los hombres que no amaban a las mujeres. Película dirixida por David Fincher ( EEUU) en 2011 baseada no libro homónimo de Stieg Larson. O periodista Mikael Blomkvist trasládase a unha remota illa do norte de Suecia, onde a morte non esclarecida dunha rapaza corenta anos atrás atormenta aínda ao seu tío, o patriarca dunha coñecida familia. Sospeitando que o asasino puede seguir aínda na illa, Blomkvist emprende unha investigación que o levará a descubrir os segredos e mentiras da poderosa e rica saga familiar. Conta para facelo coa axuda dunha extravagante aliada, a hacker punki Lisbeth Salander.

- Ladybird, ladybird.  Ken Loach narra, na película , a historia de Maggie, nai de catro fillos, todos de distintos pais e que, debido ao violento ambiente familiar, están a cargo dos servizos sociais británicos. Cando Maggie coñece a Jorge, un refuxiado hispanoamericano, albisca a posibilidade de refacer por fin o seu fogar. Porén, o seu pasado segue a atormentala.


- Madame BrouttePelícula senegalesa del 2003 dirixida por Moussa Sene Absa. Velaquí o tráiler, subtitulado ao inglés . Na biblioteca está a película en castelán.



Mati, coñecida como Madame Brouette, é unha muller orgullosa e independente, que foxe dun marido violento. Trata de sacar adiante a súa filla nos barrios pobres de Dakar . Soña con montar un pequeno restaurante e xa non quere saber nada dos homes, ata que se cruza no seu camiño cun sedutor e corrupto policía local, Naago, e volve namorarse. Unha mañá, o home sae da casa de Mati e cae morto ao chan. Ela convértese na principal sospeitosa. Embarazada de novo de Naago, busca unha saída para o seu futuro pero a figura do policía sempre se interpón.

- Precious .Película estadounidense do 2009 dirixida por Lee Daniels 

A protagonista da película é Jones (Gabourey Sidibe), unha adolescente negra e obesa de Harlem cuxa nai (Mo’Nique) a maltrata constantemente. Non sabe ler nin escribir e, cando se descobre que está embarazada, é expulsada da escola. A pesar de todo, a directora do centro inscríbea nunha escola alternativa para que intente encarreirar a súa vida. A súa nova profesora (Paula Patton) é a primeira persoa que confía en Precious e que a trata con respecto.



- Solas, película do director Benito Zambrano, gravada no 1999. Nárrase a historia de María ( Ana Fernández) que malvive nun apartamento dun barrio miserable e descobre que está embarazada dun home que non a ama. Retomará a relación coa súa nai ( María Zambrano) que consumiu a vida ao lado dun home violento e intolerante. 

- Solo mía. É unha película de Javier Balaguer (2001). Narra a historia de amor que xurdiu entre os protagonistas e casaron. O primeiro embarazo encheunos de felicidade, ata que pouco despois foron aparecendo os primeiros insultos e reproches. Ángela descobre o verdadeiro carácter violento do seu marido.


- Te doy mis ojos.  Película do 2003 da directora española Icíar BollaínUnha noite de inverno, Pilar sae fuxindo da súa casa. Leva consigo catro cousas e ao seu fillo Juan. Escapa de Antonio, un marido que a maltrata e co que leva 9 anos casada. Antonio non tarda en ir buscala. Pilar é o seu sol, di, e ademais, “deulle os seus ollos”.

- En tierra de hombres. Película de Niki Caro ( EEUU) do 2005 Josey Aimes (Charlize Theron), unha nai solteira, volta á súa vila natal no norte de Minnesota e, para saír adiante, busca emprego nas minas de ferro, un traballo dominado completamente por homes e onde hai unha grande discriminación por xénero. Axiña Josey comprobará a que clase de humillacións se verá sometida no traballo por ser muller.

- Tomates verdes fritos.  Película do 1991 rodada por Jon Avnet e baseada na novela de Fanny Flag.Evelyn (Kathy Bates), unha muller madura que vive frustrada polo seu sobrepeso e pola insensibilidade e simpleza do seu marido, coñece casualmente nun asilo a Ninny (Jessica Tandy), unha anciá que lle vai contando pouco a pouco unha dramática historia que aconteceu nunha pequena vila de Alabama. O relato faise cada vez máis fascinante: xira arredor da grande amizade entre dúas mulleres (Mary Stuart Masterson e Mary-Louise Parker) e do misterioso asasinato do marido dunha delas.


E finalmente, proxectaremos o luns día 30 de novembro a película "Tódalas mulleres que coñezo" , gravada por Xiana do Teixeiro no 2018. Recibiremos a visita da directora, que nos falará da película e, ademais, aproveitará para dar unha pequena masterclass ao alumnado de Cultura Audiovisual do Bacharelato de Artes. Nela, descríbense, do persoal ao político, as vivencias de mulleres diversas evidencian o masculinizada e violenta que segue sendo a rúa hoxe en día. 


Por outro lado, aquí deixamos tamén estas curtametraxes que abordan a violencia de xénero nas redes sociais.  Unha delas é a que segue: 


Intentamos amosar que a idea do amor romántico non é sempre  a mellor. Cómpre que todos e todas busquemos que nos queiran ben, con liberdade e respecto. Na peli da nosa vida precisamos amor, non golpes. 


mércores, 25 de novembro de 2020

"As bolboretas do 25 N"


O 25 de novembro de 1960 son atopada,s no fondo dun cantil da costa da  República Dominicana, os corpos sen vida de tres mulleres, Minerva, Patria e María Teresa Mirabal, coñecidas como "As bolboretas". Tiñan 34, 36 e 25 anos, eran irmáns e activistas contra o réxime  do dictador Rafael Leónidas Trujillo. 

                         
                                      (Imaxe extraída do libro Cuentos de buenas noches para niñas rebeldes

"Se me matan, sacarei os brazos da tumba e serei máis forte». Estas son as palabras coas que Minerva Mirabal respondía a principios da década dos sesenta a quen lle advertía que o dictador  Rafael Leónidas Trujillo quería matala. E non se equivocaban. 
O seu asasinato, e o das súas irmáns foi un crime anunciado, pero, tal e como ela dicía o seu brazo, a súa loita fíxose máis forte e todas as mulleres poñemos as nosas mans nese brazo seu que loitau para que ningunha muller, ningunha fose maltratada nin humillada. A historia destas mulleres marcou para sempre a historia do país e a súa memoria serve hoxe para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.


A bolboreta converteuse no símbolo da defensa da patria dos dereitos das persoas e da loita pola igualdade das mulleres.


E nós tamén queremos que nos saian do corpo bolboretas, non feridas nin golpes. 

martes, 17 de novembro de 2020

Libera a Alba Cid

 Alba Cid tamén ven de gañar o Premio Nacional de poesía xove Miguel Hernández 2020 co seu libro Atlas


                                                                   A imaxe procede de aquí 

Na páxina web de Galaxia dise da obra que "é un texto singular en que a palabra e a imaxe viaxan da mana canda a ollada asombrada da poeta. Etimoloxías, historias naturais, prácticas culturais diversas... Os poemas e as fotografías fan calas nos cinco continentes e desprázanse adiante e atrás na historia á prcura de encrucilladas luminosas. Unha nova cartografía. Un novo planeta."  


O xurado elixiu esta obra por "constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo (...) Presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria, o enigma. "


Á súa vez tamén destacou que "é unha obra escrita coa lóxica e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía". 

Alba Cid é, ademais de poeta, investigadora en poesía contemporánea e ten participado en volumes como Poética da casa ( 2006) e na antoloxía de Apiario No seu despregar (2016). Tamén ten publicados textos de creación propia e reseñas en revistas como "Tempos novos" ou "Dorna"

Ven liberar a xeografía e a voz de Alba Cid! Ven liberar o seu Atlas que é, sen dúbida, un atlas do mundo visto desde unha ollada nova e diferente! 





Cráter . Ser dona de ti mesma.


Deusa campesiña: 

Ser dona de ti mesma. Coma a humilde deusa campesiña que te habita. Con calcetíns zurcidos e chanclos de ouro. A túa propia materia prima. Eu son un ser crónico a ti mesma. Dona de ti e de máis nada. 


 Esta semana, David G. Couso, profe de Lingua e Literatura castelá no noso instituto, libera Cráter, de Olga Novo.


E faino xustamente el, que tamén liberou o libro da casa da poeta, pois foi  David quen editou a obra. Ademais de profe, David tamén escribe e, mentras se perdía polos camiños que  Carmen Martín Gaite lle ía abrindo, traballou na  editorial Toxosoutos . Tivo pois, a posibilidae e a fortuna de "acender" moitos, moitos libros liberándoos da escuridade na que está unha obra cando ninguén a toca, ninguén a le, ninguén a descifra.

 Os editores, as editoras sodes imprescindibles na vida dos lectores e lectoras porque sen vós nunca poderiamos pasar as follas dos libros que, ás veces, se converten na nosa casa. Nunca poderiamos sentir o tacto dese ser feito de herba e luz que é o libro. Así que, grazas, David, por liberar Cráter dúas veces, por traernos a poesía coas/ nas túas ás de libélula, por ofrecernos a posibilidade de meternos no cráter que é a poesía de Olga Novo. As túas mans tamén son literatura! 



martes, 10 de novembro de 2020

Libera a Olga Novo

 

OlgaNovo é poeta. Acaban de outorgarlle o Premio Nacional de Poesía 2020 pola súa obra Feliz Idade. O xurado dixo da obra que é “relato vitalista que celebra o amor e a existencia mái alá do tiempo. O libro é unha criatura viva que relaciona a maternidade e a muerte con unha profunda presencia crítica da memoria histórica”. Asemade destacou que a súa voz poética é inconfundible e de grande potencia, conxugando autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria”.




                                                           ( Procedencia da imaxe

Este premio, de ámbito nacional, é o recoñecemento da gran calidade poética desta autora galega. Mais é tamén a proba de que o galego é unha lingua rica e capaz de expresar, como xa demostrara Rosalía, os máis íntimos sentimentos e as emocións máis profundas. Polo que é tamén un premio para a nosa literatura, un premo do que todas e todos debemos sentirnos orgullosas/os.

A poesía de Olga Novo bebe do surrealismo libertario, do feminismo de Virginia Woolf, das mulleres de aldea que a precederon e do gusto pola vida e o desexo de vivir.

A poesía de Olga Novo naceu, coma ela, na aldea, concretamente en Vilarmao, Pobra de Brollón (Lugo), no 1975, á beira dun tractor e dunha aixada.

A poesía de Olga Novo é política e combativa, amorosa e erótica e está de feita de imaxes do campo e do amor. A súa lectura fainos evocar o becerriño que pace nos prados das montañas lucenses, o arrecendo da herba seca no verán, o canto dos grilos e as maceiras enxertadas. A poesía de Olga Novo sabe a aire bailando na natureza. 



                                     ( A foto é de Diana Pastoriza. Tomeina prestada do seu fermoso blog.

                                                 Nesta entrada hai un poema de Olga Novo que acompaña á foto) 


A poesía de Olga Novo está tamén nas aulas, porque Olga Novo foi (e é) profesora de lingua galega en varios institutos.


A poesía de Olga Novo podes atopala nos seguintes poemarios: Ateta sobre o sol (1996), Nós nus (1997, Premio Losada Diéguez de Creación), Acousa vermella (2004), Os líquidos íntimos (2013), Cráter (2011, Premio da Crítica española) e a recentemente galardoada Feliz Idade ( 2019).



E no noso instituto está nesta furna, porque vivimos malos tempos, pero non é aquí onde debe estar. Nunca. Por iso, anímate a liberala!!





Feliz noite de San Xoán e feliz verán!

É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.  E as meigas e as mouras...