mércores, 23 de xuño de 2021

Feliz noite de San Xoán e feliz verán!

É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.



 E as meigas e as mouras prepáranse para facer tamén ese cambio e fanse aínda mis presentes ca de costume. Nesta noite cómpre facer certos ritos purificadores para comezar o novo ano solar con folgos renovados. 

Un deles é o que se fai arredor do lume: temos que queimar os malos espíritos nunha fogueira e saltar sobre a mesma tres veces. 

Outro rito desta noite máxica é preparar o cacho de herbas de San Xoán, recollidas nas noites anteriores, e metelas nun caldeiro de auga collida de sete fontes distintas. 



Hai que deixalas toda a noite ó aire libre, á luz da lúa e ao frío do orballo. A estas herbas atribúeselles moito poder e vigor pola forza do solsticio e polo orballo desa noite




Nas primeiras horas do día seguinte temos que lavar a cara coa auga e así quedamos protexidas contra o mal de ollo.  

Lembrade que no noso insti podes atopar as herbas de San Xoán que prantaron hai anos xa, os alumnos e alumnas que hoxe están en 1º de BACH que, coma elas, tamén medraron. Acompañábaos, nese xesto xeneroso de prantalas, a profe Dores Pereira. Hoxe, deixámosvos aquí este fermoso traballo que fixeron Dores e a súa filla, Paula Lago: Herbas da noite.






Herbas da noite é un herbario que recolle, con texto de Dores e con debuxos de Paula, o mundo vexetal da noite de San Xoán, patrimonio do pobo a partir do cal as dúas elaboraron ese fermoso tesouro no que describen as propiedades, características e beneficios das máxicas herbas.
Aloumiñadas polo orballo e o luar durmirán na noite para librarnos dos males cando nos toquen a cara. E que a música tamén nos toque a alma, mentras tanto.


Feliz solsticio de verán e felices lecturas!

Orgullosas e orgullosos dos amores e dos desexos diversos

 O día 21 celebramos a diversidade do amor, do desexo con un recital de poesía a cargo de Fernán Permuy ( músico e cociñeiro) e Samuel Merino ( poeta, filósofo e actor). 

Di a tamén poeta Lúa Mosquetera de Samuel Merino que "Lorca habita en Samuel y puede decir a través de la boca de Samuel, con los labios de Samuel pero con el aliento de Federico ( e a música de Fernán Permuy, engado eu): soy maricón y poeta. Federico y Samuel cogidos de la mano y besándose en un parque, rodeados de un montón de gente que no los mira, porque nadie mira ya a dos hombres que se aman, ya nadie juzga a dos poetas que se revolucionan, ya nadie puede revolver entre nuestras vísceras buscandi el resorte de la vergüenza.

Todo eso

es la poesía de Samuel.

Y es,

también,

la venganza de Federico."

Pois iso, nós tivemos a fortuna de celebrar o día do orgullo con Federico, con Samuel e con Fernán, que se colleron do brazo para pasear xuntos por un escenario e para abrirnos os ollos e a mente. Porque só a diversidade ( afectiva, sexual, lingüística...) nos fará mellores e máis grandes. Talvez isto tamén teña que aprenderse nos centros de estudo. 


Os libros de Samu, Enésima patada con amor e Trementina, están na nosa biblioteca e nas  fiestras e paisaxes do noso cole!


Moitas grazas, Fernán e Samu, por virdes ao noso cole ampliarnos as miradas!


"Aí ven o maio" para Xela

Abrironse maio e as rosas para ti, Xela Arias. Quixemos visibilizar a túa sensibilidade, a túa poesía e a túa infancia con unha exposición que nos prestou o colectivo Egeria de Lugo. Aquí queda unha mostra de "Aquela nena de Sarria" que aínda temos no primeiro andar estes días:







Tamén quixemos poñerlle voz a algún dos seus textos e gravamos varios vídeos a partir do seu Darío a diario:


(Aquel neno, Darío, hoxe lémbraa a ela e á súa tarta de mazá.) 



E trouxemos a Mónica de Nut para que nos cantase os seus versos e nos emocionase coa súa voz de ópera e de prata:


Escribía María do Carme Kruckenberg 

Cando morre unha poeta

 terán que calar os ventos 

na condena da luz. 

E debería de chorar o mar

 e as gaivotas voar por riba das estrelas. 

E non é así.…


E non así porque as poetas nunca morren. Sempre chegan en maio, coas rosas, envoltas en brancas saias e pétalos de prata. Sempre chegas irreverente, lúcida, independente, libre, Xela Arias. Sempre na denuncia do equilibrio quizais porque, nese lugar, empeza a poesía:





mércores, 16 de xuño de 2021

De ilustres ex alumnas que falan galego

  Este curso volveu ao insti, de novo, Anabel Antela. Pero desta volta, en calidade de relatora xa que nos veu presentar o resultado do seu traballo de fin de grao: un libro que analiza a relación entre o sector téxtil e a lingua galega. O resultado do mesmo aparece no libro A lingua galega no sector téxtil ( Visión, opinión e posición da xeración millenial galega) publicado pola Mesa de normalización lingüística.


O libro xa fora presentado en Ponteareas con anterioridade, mais nós quixemos que ela viñera explicar á súa casa como desenvolveu  a tarefa de estudar como aparece o galego nas grandes marcas textís de Galiza e como as e os consumidoras/ es temos o poder de transformar a realidade, tamén a lingüística. 
E explicóunolo moi ben, con moita enerxia, paixón e claridade ( non sei se podedes intuilo na foto). 


Anabel amosounos o seu amor e preocupación pola nosa lingua e, aínda, que vimos que o galego non está moi presente no sector téxtil de Galiza, ela non perde a esperanza de que poidamos "vestirnos" na nosa lingua propia. Se ela non a perde, que é a experta, non imos nós ser menos! 

Longa vida ao galego, e ás mulleres valentes ( e bravas!) que o levan nos beizos!

Grazas por vir, Anabel! Neste instituto sempre serás ben recibida, ti e o teu traballo.  Estamos moi, moi orgullosas de ti! 



Feliz noite de San Xoán e feliz verán!

É a de hoxe unha noite máxica, a máis curta e intensa do ano. A natureza prepárase para iniciar un cambio de ciclo.  E as meigas e as mouras...