Simone de Beauvoir foi unha filósofa, profesora e escritora francesa. Naceu o 9 de xaneiro de 1908 en París onde tamén falecería 78 años despois, o 14 de abril de 1986. Foi unha loitadora polos dereitos da muller. Escribiu ensaios, novelas, biografías e monografías sobre temas políticos, sociais e filosóficos. A súa obra, O segundo sexo, considérase fundamental na historia do feminismo. O seu pensamento enmárcase no Existencialismo.
Simone naceu no seo dunha familia burguesa cunha moral cristiá moi estrita. Era a filla de Georges Bertrand de Beauvoir e de Françoise Brasseur. Xa de adolescente se rebelou contra a fe familiar declarándose atea e defendendo que a relixión era un instrumento para subxugar ao ser humano. Tamén xa desde nena viu como a relación entre os seus pais se deterioraba. Este foi un acontecemento importante no nacemento das súas ideas feministas. En realidade toda a súa nenez está marcada polo feito de ter nacido muller. O seu pai non lle escondeu o seu desexo de ter preferido un fillo, co anceio de que tivese cursado estudos na prestixiosa Escola Politécnica de París. En moitas ocasións, este comentoulle á súa filla que tiña un cerebro de home.
Con tan só 15 anos xa estaba decidida a ser escritora. Tras ter aprobado o Bacharelato, Simone de Beauvoir comezou os seus estudos superiores no Instituto Católico de París, onde completou a súa formación matemática, mentres que ampliaba a súa formación literaria no Instituto Sainte-Marie de Neuilly. Tralo seu primeiro ano universitario en París, logrou obtener titulación en Matemáticas xerais, Literatura e Latín. No 1926, adicouse a estudar filosofía e obtivo en xuño do 1927 a súa titulación en Filosofía xeral. Tras estes recoñecentos acabou licenciándose en Letras, con especialización en Filosofía, na primavera de 1928.
Con Sartre, Raymond Aron, Michel Leiris, Maurice Merleau-Ponty, Boris Vian e outros intelectuais franceses de esquerda, foi a fundadora dunha revista, "Les Temps Modernes", que pretendía difundir a corrente existencialista a través da literatura contemporánea. A súa consagración literaria tivo lugar no ano 1949: a publicación de O segundo sexo, do que se venderon máis de vinte e dous mil exemplares na primeira semana, causou escándalo e foi obxecto de animados debates literarios e filosóficos.
Nos Estados Unidos vendéronse un millón de exemplares e converteuse no marco teórico esencial para as reflexións das fundadoras do movemento de liberación da muller. Simone de Beauvoir converteuse en precursora do movemento feminista ao describir unha sociedade na que se relega á muller a una situación de inferioridade. A súa análise da condición feminina, en ruptura coas creencias existencialistas, apoiase nos mitos, nas civilizacións, nas relixións, na anatomía e nas tradicións. Esta visión desatou un escándalo, en particular o capítulo adicado á maternidade e ao aborto, entón equiparado ao homicidio. Describía o matrimonio coma unha institución burguesa repugnante, semellante á prostitución, na que a muller depende económicamente do seu marido e non ten posibilidade de independizarse. Trala morte de Sartre no 1980 publicou, no 1981, A cerimonia do adeus, onde relatou os dez últimos anos de vida do seu compañeiro sentimental, aínda que os detalles médicos e íntimos da vida do filósofo foron mal recibidos por moitos dos seus seguidores. Do 1955 ao 1986, residiu no número 11 da rúa Victor-Schœlcher de París, onde morreu acompañada da súa filla adoptiva e de Claude Lanzmann. Foi enterrada no cemiterio de Montparnasse da capital francesa, na división 20, ao lado de Sartre.
Esta entrada foi elaborada por Aitana Fernández Frontán, Alejandro Berdulles Fernández, Aida Ubeira Pérez, Raúl Sousa Rodríguez, Yoel Moreira Ruíz e Elisabeth Fernández Sendín.
Ningún comentario:
Publicar un comentario